Bici-manifestación 'NON ao borrador da ordenanza de tráfico!'
17 de abril (12h), Alameda de Santiago



No pleno do Concello de Santiago de Compostela do 26 de novembro de 2020, presentouse unha proposición no punto 5 da orde do día para “actualizar a ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública para favorecer o uso de bicicletas.” Todos os grupos votaron a favor desta proposta excepto o PSOE, que é o grupo local do goberno da cidade, quedando aprobada por maioría.

O goberno local do Concello de Santiago de Compostela pretende aprobar unha ordenanza de circulación que limita e castiga o uso da bicicleta como medio de transporte na cidade, saltándose este mandato democrático no que precisamente se buscaba favorecer a mobilidade en bicicleta en Compostela.

Desde a Asociación Cívica Composcleta rexeitamos o borrador da nova Ordenanza Xeral de Circulación e Uso da Vía Pública proposto polo goberno local de Santiago. Lonxe de promover o uso da bicicleta como medio de transporte, fai todo o contrario, pondo impedimentos ás persoas que empregan a bicicleta, e amosando unha vontade sancionadora sen sentido. 

Nun contexto no que a maioría das cidades europeas apostan pola bicicleta como aliada fundamental no avance cara a mobilidade sostible, a ordenanza proposta polo Concello de Santiago deixaría a nosa cidade á cola de Galicia e de España en mobilidade sostible, como amosa un estudo realizado por Greenpeace en 2019. 

Algunhas das normas que o goberno de Compostela pretende aprobar son:

  • Prohibición de circular en toda a zona vella: porén, non todas as rúas da zona vella son iguais, e hai moitas polas que poderían circular bicis a velocidade reducida e respectando sempre a prioridade dos peóns, como xa ocorre con taxis e coches de residentes.
  • Limitación ao estacionamento de bicicletas aos “lugares habilitados”: porén, a maior parte das rúas de Compostela carecen de aparcadoiros de bicicletas, polo tanto non poderíamos empregar a bici para ir traballar ou facer a compra sen arriscarnos a unha sanción.
  • Obrigatoriedade de uso de roupas reflectantes para movernos en bici a calquera hora do día: é abondo a obrigatoriedade de facer uso de elementos reflectantes.
  • Límite de velocidade de 15 km/h nos carrís-bici. Que sentido ten limitar a velocidade das bicicletas no seu propio carril cando os coches, que son máis perigosos para os peóns, poden ir ata 30 km/h polo centro da cidade?
  • Prohibición de circular por beirarrúas en calquera caso, mentres que os patinetes eléctricos si poderían facelo en determinadas circunstancias. Débese redactar algunha excepción, como por exemplo a circulación con menores, ou beirarrúas de ancho determinado cando a alternativa da calzada sexa perigosa para a bicicleta. 

Estas normas non responden aos problemas de mobilidade de Compostela en absoluto. A nosa cidade, por desgraza, non está chea de ciclistas que dificulten a mobilidade peonil ou o tráfico rodado. Está chea de coches que ocupan a maior parte do espazo público e dificultan o funcionamento do transporte público e servizos de emerxencias, ademais de obstaculizar os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida ou o uso de carros para crianzas.

Por último, o punto 7 do borrador da nova ordenanza lista unha serie de usos gamberros e acróbatas da bicicleta.  Evidentemente son usos perigosos e incorrectos da bicicleta como medio de transporte. Pero chama a atención que non se enumeran condutas temerarias, perigosas e igualmente acrobáticas nas que poden incorrer os usuarios dun vehículo a motor.  Un epígrafe que inclúa a prohibición de condución temeraria (por exemplo), en zig-zag de TODOS os vehículos é a alternativa máis xusta.

RECLAMAMOS que o goberno local de Santiago de Compostela recapacite e paralice a aprobación desta ordenanza limitadora e retrógrada. 

EXIXIMOS que se elabore unha nova ordenanza que promova o uso da bicicleta como medio de transporte en Compostela e que transforme as rúas nun espazo inclusivo, sostible e accesible para todas as persoas.